Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un motorista faleceu en Santa Comba logo de colidir a moto que conducía contra un coche

O persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia derivou ao punto un helicóptero medicalizado, sen embargo, nada se puido facer por salvarlle a vida. 

Sucedeu ao fío das dúas e media deste mediodía. Varios particulares contactaban a esa hora co 112 Galicia para informar dun accidente grave entre en un coche e unha moto na AC-400, quilómetro 59,500, en Mallón, na localidade coruñesa de Santa Comba. Un dos alertadores engadía, ademais, que eran precisos os medios de extinción, posto que a moto estaba comezando a arder. 

Nada mais recibir o aviso, os xestores do 112 informaron decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, aos membros do GES de Brión e aos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección de Outes. 

Así, unha vez no punto, o persoal sanitario confirmou ao 112 o pasamento do motorista. Tamén, os membros do GES de Brión indicaron que a moto, tras ser extinguida polos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil,  ardeu na súa totalidade. 

Motorista ferido en Cerdedo-Cotobade
Tamén, sobre as 13:30 horas, o 112 Galicia era informado doutro accidente cunha moto implicada, na PO-233, entre o quilómetro 12-13, á altura de Carballedo.  Ao igual que no suceso anterior, tratouse dunha colisión entre un coche e unha moto. O alertador que chamou ao 112 Galicia para informar deste accidente indicou que o motorista estaba totalmente liberado pero que necesitaba asistencia sanitaria. 

Foi a partir de aí cando os xestores do 112 pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que comunicaron a saída do helicóptero medicalizado con base en Santiago ao punto. Do mesmo xeito, foron informados os axentes de Tráfico, os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e o persoal de mantemento da vía. 

Un motorista ferido en Ponteceso
En Ponteceso, na aldea de Fontán, en Tella, tamén, ao fío das catro e media desta tarde, colidían un coche e unha moto. Segundo a información recibida no 112 Galicia polos axentes de Tráfico, o motorista resultou ferido de consideración e foi trasladado polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital Clínico Universitario da Coruña (CHUAC). 

O 112 Galicia foi informado deste accidente polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, a partir de aí, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos axentes de Tráfico, dos Bombeiros de Bergantiños, do GES de Ponteceso e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. 

facebook twitter instagram