Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un operario falece en Carballo tras sufrir unha caída

Un traballador perdeu a vida esta tarde como consecuencia dun accidente laboral na Rúa Titanio, na parroquia de Bértoa, en Carballo.

A información chegou aos xestores do 112 Galicia mediante o aviso do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ás 18:15 horas. Nesta comunicación indicaban que un traballador caera dunha certa altura neste punto e que se estaba mobilizando a aeronave medicalizada con base en Santiago de Compostela ata o lugar.

A maiores, desde o 112 Galicia tamén se informou do sucedido aos axentes da Policía Local e da Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil de Carballo.

Finalmente, o persoal sanitario confirmou que malia os esforzos, non se puido facer nada por salvar a vida do traballador.

Feridos dous peóns tras ser atropelados por unha motocicleta en Poio

Dúas persoas resultaron feridas esta tarde despois de ser atropeladas por unha motocicleta que circulaba pola Avenida da Barca, en Poio.

Ao fío das 18:30 horas, os servizos sanitarios informaban ao 112 Galicia do atropelo. Indicaban que unha ambulancia xa se dirixía ao punto para evacuar anos feridos.

A partir de aí, os xestores do 112 puxeron os fritos en coñecemento dos Bombeiros do Salnés e de Pontevedra e dos membros do Servizo Municipal de Emerxencias de Sanxenxo. Ademais, informaron da situación aos axentes da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil,  que decontado se desprazaron ata o lugar.

Nada mais chegar, o equipo de voluntarios confirmaron ao 112 Galicia o traslado das dúas persoas polo persoal sanitario.

Dúas persoas feridas a causa dunha explosión nunha carnicería en Ferrol

Ambas persoas foron trasladadas polo persoal sanitario ao Hospital Universitario de Ferrol, aínda que o seu estado non reviste gravidade.

A alerta do suceso activouse no 112 Galicia pasados uns minutos das 17 horas da tarde a través do aviso de diversas persoas particulares que escoitaron unha forte explosión nunha carnicería situada na Rúa do Río Xubia en Ferrol. A maiores, destacaban que podería haber persoas atrapadas no interior do establecemento.

Axiña, os xestores do 112 Galicia informaron do sucedido aos Bombeiros de Ferrol, os cales unha vez remataron a súa intervención comunican que os feridos foron dous traballadores da empresa da cámara frigorífica que se atopaban manipulándoa cando se produciu a explosión por motivos descoñecidos. Debido a isto, quebraron os cristais do establecemento e había cascotes no chan, aínda que cando os equipos de emerxencia chegaron ao punto, todas as persoas se atopaban fóra do local.

A maiores, desde o 112 Galicia tamén se informou aos axentes da Policía Nacional e Local, aos membros de Protección Civil e ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se encargou do traslado ao Hospital Universitario de Ferrol dos dous operarios, aínda que feridos de levidade.

Trasladada unha persoa por inhalación de fume ao arder a campá extractora dunha vivenda no Porriño

Unha persoa foi evacuada este mediodía ao centro de saúde da localidade por inhalación de fume, tras incendiarse a campá extractora da súa vivenda situada en Pontellas, no concello pontevedrés do Porriño.

Aínda que o lume foi extinguido polos mesmos donos da vivenda, os Bombeiros desprazáronse igualmente ata o lugar nada mais ser alertados polo 112 Galicia, comprobaron a total extinción das lapas e ventilaron o inmoble. Así mesmo, confirmaron o traslado da muller que ademais de resultar afectada pola inhalación do fume provocado, sufrira unha crise de ansiedade e presentaba diversas queimaduras.  Segundo indicaron, ardeu a campá extractora e os mobles da mesma cociña.

Todo sucedeu sobre as 13:15 horas. Foi a esa hora, cando unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para informar dunha campá extractora ardendo na casa. Aseguraba que non había persoas afectadas e que todos estaban fóra da vivenda, unha casa unifamiliar de dous andares. Sen embargo, nese mesmo momento, os xestores do 112 recibían a chamada doutro alertante que solicitaba asistencia sanitaria para unha muller que se atopaba moi nerviosa e, posiblemente, con algunha queimadura, polo que ademais de pasar aviso aos Bombeiros do Porriño, informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.  

Do mesmo xeito, os feitos foron postos en coñecemento da Garda Civil, da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil.

facebook twitter instagram