Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Derrúbase unha casa de tres plantas en Ferrol

A vivenda estaba situada na Rúa de Fernando VI, en Ferrol, e segundo informan ao 112 Galicia levaba varios anos abandonada.

Pasados uns minutos das 16:30 horas o 112 Galicia recibiu o aviso por parte de diversos particulares do derrubamento dunha casa. Nesta comunicación non podían afirmar se había persoas feridas ou atrapadas baixo os cascotes, pero debido ao derrubamento non tiñan luz na zona, xa que os cables atopábanse caídos no chan.

Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia informaron do sucedido aos Bombeiros de Ferrol, aos axentes da Policía Local e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol.

Cabe destacar que, a maiores, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración da Unidade de Cans de Salvamento de Galicia (CASAGA) para examinar a zona e verificar que ningunha persoa quedou atrapada baixo os cascallos.

Tres persoas feridas en Barro ao saírse da vía e dar varias voltas de campá o vehículo no que viaxaban

Tres persoas resultaron feridas esta tarde ao seu paso polo concello pontevedrés de Barro.

Segundo informaron os particulares que chamaron ao 112 Galicia, sobre as 17:00 horas, para alertar do suceso, o vehículo, no que viaxaban os tres feridos saíuse da vía cando circulaba pola AP-9, ao redor do punto quilométrico 120, en Portela, e deu varias voltas de campá. Afortunadamente, ningún dos ocupantes quedou atrapado no interior do turismo.

Ademais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, desprazáronse ata o lugar os axentes da Garda Civil de Tráfico, tras ser alertados polo 112 Galicia.

Tamén, os xestores do 112 deron conta dos feitos aos Bombeiros de Ribadumia, de Vilagarcía e ao persoal do servizo de mantemento da AP-9.

facebook twitter instagram