Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Evacuado un traballador que resultou ferido tras caer desde un tellado en Sada

Un operario resultou ferido despois de precipitarse do tellado onde se atopaba realizando o seu traballo.

O accidente ocorreu ao fío das 16:30 h desta tarde, na Rúa Pontedeume, no concello coruñés de Sada. Foi a esa hora cando un particular chamou ao 112 Galicia para solicitar asistencia sanitaria para o traballador, que segundo o seu relato, se precipitara dende unha altura duns tres metros.

Axiña, desde o 112 Galicia pasouse aviso ao persoal sanitario, que indicaron que se desprazaba ata o lugar unha ambulancia, para evacuar ao ferido. Así mesmo, foron informados os axentes da Garda Civil, da Policía Local e os membros de Protección Civil da localidade.

Un home e a súa filla trasladados despois de caer da súa bicicleta en Bueu

Un home e a súa filla precisaron asistencia médica esta tarde ao caer da bicicleta na que circulaban en Bueu, á altura da parroquia de Beluso. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, os dous foron trasladados ao Hospital Domínguez.

Sucedeu preto das 16:10 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do accidente.

Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil e aos Bombeiros do Morrazo.