Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Dúas persoas tiveron que ser excarceradas despois de envorcar o seu coche en Betanzos

Os dous pasaxeiros do vehículo foron trasladados polos servicios sanitarios ao hospital de referencia.

A primeira información deste suceso foi recollida polo 112 Galicia a través dun particular dez minutos antes das 16:30 horas, o cal alertou da presenza dun coche envorcado no quilómetro 575 da N-VI, moi preto de onde esta mañá se producira un accidente mortal.

Os xestores do 112 Galicia informaron decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao igual que aos Bombeiros de Betanzos, Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil do municipio.

Os efectivos do parque comarcal de Betanzos indicaron que, tras chegar ao lugar do accidente, tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar a dúas persoas atrapadas no interior do vehículo.

Pola súa parte, e despois de que os servicios sanitarios trasladasen aos dous feridos, os membros de Protección Civil de Betanzos encargáronse da sinalización da zona na que estaba o turismo, que permanecía na beiravía á espera dunha grúa que permitise retiralo.

Dúas persoas trasladadas tras unha colisión entre dous coches no Porriño
As dúas pasaxeiras compartían vehículo con outra persoa que resultou ilesa.

Cando estaban a piques de ser as 16:30 horas, un particular informaba ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 3 da PO-510, na parroquia de San Salvador de Budiño.

Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros do Baixo Miño, Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil de O Porriño.

Precisamente os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil indicaron que había dúas persoas feridas logo de sufrir unha colisión por alcance. No vehículo había un pasaxeiro máis que, ao igual que o condutor do outro coche, non sufriu ningún dano.

Despois do traslado das dúas afectadas, Protección Civil agardou no punto á espera do guindastre para poder retirar un dos turismos da vía.

Rescatan ileso a un kitesurfista en apuros nun areal de Arteixo

Un operativo de rescate posto en marcha polo 112 Galicia e coordinado, en todo momento, por Salvamento Marítimo serviu para auxiliar a un kitesurfista que se atopaba en apuros moi preto da Praia de Sabón, no Concello coruñés de Arteixo.

Todo comezou sobre as 15:15 horas, cando un particular alertaba do suceso. Indicaba que un surfista, preto do dique, era arrastrado pola corrente e pedía axuda.

A partir de aí, foi cando  os xestores do 112 puxeron en alerta ao persoal de Salvamento Marítimo, que mobilizou o helicóptero Helimer e a embarcación Salvamar Betelgeuse. Do mesmo xeito, informaron dos feitos ao Servizo de Gardacostas de Galicia, aos servidos sanitarios  e aos axentes da Garda Civil, por se fose necesaria a súa intervención. Por terra, formaron parte do dispositivo a Policía Local e os membros de Protección Civil da localidade.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o kitesurfista foi rescatado ileso polo helicóptero Helimer e evacuado ata o Aeroporto de Alvedro, na Coruña.

facebook twitter instagram