Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un traballador sufre feridas de consideración tras cortarse cunha motoserra en Nigrán

O home, que presentaba unha ferida importante, no momento de producirse o accidente traballaba preto da estrada que une as parroquias de Chandebrito e Camos, no concello pontevedrés de Nigrán.

Faltaban cinco minutos para as seis desta tarde, cando os servizos sanitarios de urxencia informaban ao 112 Galicia da saída do helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Con estes datos, os profesionais do 112 Galicia requiriron a intervención dos axentes da Garda Civil e Policía Local. Así mesmo, informaron aos voluntarios de Protección Civil para prestar apoio na aterraxe da aeronave, aínda que, os servizos sanitarios, finalmente, descartaron o envío do helicóptero.

O persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 encargouse da evacuación do ferido.

Os drons da Axega súmanse ao operativo de busca do home que caeu ao mar tras envorcar a súa planadora na costa de Cangas

O equipo de drons da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) desprázase ata Cangas para colaborar nas tarefas de busca do home desaparecido na tarde do venres.

Cómpre lembrar que o operativo, coordinado por Salvamento Marítimo, activouse cando o 112 Galicia foi alertado de que o implicado caera da embarcación na que navegaba fronte a Costa da Vela, no Hío. Durante a mesma conversa engadiu que o perdera de vista.

Desde entón, no punto traballaron e traballan medios de Salvamento Marítimo, que coordina o operativo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, da Garda Civil, e de Protección Civil de Cangas, Poio, Mancomunidade de Oitavén-Tea, Moaña, Salceda de Caselas, Redondela, Valga e Tomiño.

Ademais de por terra, durante o día de hoxe os equipos de emerxencias continúan peiteando a zona por mar, coas embarcacións de rescate Salvamar Mirach, de Salvamento Marítimo, e Corvo Mariño e o Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS), da Garda Civil; e por aire, co helicóptero Pesca I, do Servizo de Gardacostas de Galicia, e os drons da Unidade Pegaso, da Garda Civil, e do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axega.

Evacúan o hospital psiquiátrico de Conxo por un lume que non provocou danos persoais

O persoal do hospital informou de que evacuaran o centro de modo preventivo durante as tarefas dos equipos de emerxencias.

Un particular chamou ao 112 Galicia dez minutos despois das 20:30 horas para alertar deste lume nas instalacións do hospital psiquiátrico de Conxo, en Santiago. Naquel momento xa estaban desaloxando ás persoas do primeiro andar, onde se sitúa a sala de ordenadores na que comezou o incendio.

De inmediato, informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Santiago, á Policía Nacional e Local.

Ao mesmo tempo, os servizos sanitarios mobilizaron ao seu persoal a bordo dunha ambulancia, pero non foi necesaria a súa intervención.

Controlado o incendio declarado este mediodía nunha nave de construción en madeira de Vigo

Os bombeiros indicaron contra as 13 horas que o lume xa estaba controlado.

O incendio foi visible desde múltiples puntos do municipio, como fixeron saber os numerosos particulares que contactaron co 112 Galicia. Pola súa banda, os servizos sanitarios atenderon a unha persona por unha crise de ansiedade.

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias coñeceron os feitos xusto despois deste mediodía a través da chamada dunha persoa particular que indicou que ardían estas instalacións, dedicadas á construción con madeira e situadas no Camiño de Chan do Labrador (Candeán). Todos os traballadores estaban xa no exterior da nave.

No operativo, aparte de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, participaron os Bombeiros de Vigo, a Policía Nacional e persoal do distrito forestal da zona. Foron informados as autoridades medioambientais da Xunta de Galicia, a Policía Local e os voluntarios de Protección Civil da cidade olívica.

Os servizos de emerxencias rescataron a un home de avanzada idade que caeu por un terraplén na Fonsagrada

O home saíra camiñar e non volveu a casa ao mediodía. Cando os seus familiares saíron buscalo, atopárono nunha zona de monte de moi difícil acceso en Maderne. Permanecía consciente, pero precisaba asistencia sanitaria e medios para rescatalo.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso dez minutos despois das 18:30 horas a través dun particular e, de inmediato, solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Sarria, da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da Fonsagrada.

Finalmente, os servizos de emerxencias fixeron uso dunha padiola para trasladar ao ferido ata o lugar no que agardaba a ambulancia.

facebook twitter instagram