Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Falece unha persoa ao ser alcanzada por un tren en Santiago de Compostela

Unha persoa perdeu a vida esta tarde en Santiago de Compostela despois de ser alcanzada por un tren no punto quilométrico 90,700 da vía férrea en sentido a Vigo.

O 112 Galicia tivo coñecemento do sucedido preto das seis a través do persoal do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF).

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, por mor do impacto, a circulación de convois na vía quedou interrompida, nos dous sentidos, mentres duren os traballos dos servizos de emerxencia desprazados para restablecer as condicións de seguridade na liña.

Cómpre salientar que ata o lugar dos feitos desprazáronse, tras ser alertados polo 112 Galicia, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes da Policía Local e Nacional, os Bombeiros de Santiago de Compostela e os voluntarios de Protección Civil da cidade.

Ferido de consideración un home ao cravarse unha peza de ferro nas pernas en Vedra

Un home precisou asistencia urxente esta tarde en Vedra despois de cravarse unha peza de ferro nas pernas. Sucedeu no lugar de Manteles de Abaixo, na parroquia de Santa Eulalia.

O 112 Galicia recibiu a alerta dos feitos a través dunha persoa particular uns minutos despois das cinco e cuarto. Decontado, o persoal do CIAE 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ata unha zona próxima ao lugar do suceso un helicóptero medicalizado.

Ademais, desde Emerxencias 112 Galicia pasouse o aviso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, aos axentes da Garda Civil e aos efectivos do GES da Estrada, para prestar apoio ao equipo médico desprazado na aeronave.

facebook twitter instagram