Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un motorista resulta ferido de consideración tras saírse da vía co seu vehículo en Muros

Un motorista resultou ferido de consideración despois de sufrir unha saída de vía co seu vehículo cando circulaba pola AC-400, ao seu paso pola parroquia de Serres, no concello coruñés de Muros.

Debido á gravidade das lesións provocadas polo impacto sufrido, foi necesaria a intervención do helicóptero medicalizado con base en Santiago para evacuar o ferido ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Foron os profesionais de urxencias sanitarias quen, ás 16:30 horas, chamaron ao 112 Galicia para comunicar a mobilización da aeronave. Segundo indicaron, o motorista saíuse da vía e chocou contra unha das barreiras de seguridade da estrada.

Así, para prestar apoio ao equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) puxeron os feitos en coñecemento dos membros do GES de Muros e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar dos feitos, o ferido foi encamiñado ao centro hospitalario a bordo da aeronave e desde o 112 solicitouse a intervención do servizo de mantemento da vía para a realización das tarefas de limpeza da estrada.