Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un operario resultou ferido de consideración despois dunha caída de altura nun barco na Pobra

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta tarde a un operario con importantes lesións como consecuencia dunha caída de altura.

Foi unha persoa particular quen chamaba ao 112 Galicia para solicitar asistencia médica para o traballador. Segundo indicaba, a vítima precipitouse desde unha altura de seis metros dentro dun barco frigorífico atracado no porto da Pobra do Caramiñal cando pasaban uns minutos das seis desta tarde.

Así, acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informados polos xestores de Emerxencias Galicia para ofrecer os primeiros coidados ao traballador, que presentaba lesións graves. Unha vez estabilizado, o equipo médico trasladouno ao centro hospitalario de referencia para continuar co tratamento necesario.

Ademais, debido ao difícil acceso ao ferido os sanitarios contaron coa colaboración dos Bombeiros de Ribeira e tamén dos voluntarios de Protección Civil da localidade. 

facebook twitter instagram