Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un cazador resulta ferido de consideración ao recibir un disparo de maneira accidental na Laracha

Un cazador sufriu feridas de diversa consideración esta tarde na Laracha despois de ser alcanzado por un disparo de forma accidental.

Sucedeu no Monte de Silvoso, preto das 16:10 horas. Nese momento, varias persoas particulares daban conta dos feitos ao 112 Galicia.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado ata a zona para atender ao home ferido.

Ademais, desde Emerxencias 112 púxose a situación en coñecemento da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil da Laracha para prestar apoio ao equipo médico mobilizado na aeronave, na que foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Un home, ferido grave ao colidir o coche no que circulaba contra un farol en Paradela

Un home resultou ferido de gravidade esta tarde en Paradela ao bater o turismo no que viaxaba contra un farol na Rúa Cabaleiros de Santiago, preto das 18:10 horas.

Nese momento, o 112 Galicia recibiu a alerta do sinistro por parte de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ata o lugar do accidente un helicóptero medicalizado.

No operativo tamén interviñeron, tras ser alertados polo persoal do 112 Galicia, os axentes da Garda Civil de Tráfico.

Un home resulta ferido ao caer nunha zona rochosa desde unha altura duns catro metros en Vigo

Un home precisou asistencia médica esta tarde en Vigo despois de caer a unha zona de rochas desde uns catro metros de altura no paseo marítimo de Bouzas.

Varias persoas contactaron co 112 Galicia para dar conta do suceso uns minutos despois das 13:30 horas. Indicaban na súa chamada que o home caera por unha varanda, que rematou rota.

Axiña, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local e Nacional, aos Bombeiros de Vigo e a Protección Civil.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, unha vez rescatado, o home ferido foi trasladado a un centro médico.

Os servizos de emerxencia localizan a un mozo perdido en Quiroga mediante as coordenadas enviadas por WhatsApp

Un mozo que se perdeu mentres realizaba unha ruta de sendeirismo en Quiroga foi localizado polos servizos de emerxencia, en perfecto estado de saúde, a través das súas coordenadas enviadas por WhatsApp.

Así, desde o 112 Galicia, unha vez que foi recibida a súa posición, esta foi transmitida aos efectivos do GES de Quiroga e aos axentes da Garda Civil, que o atoparon nunha zona próxima á aldea da Seara, moi preto da fervenza de Forcado.

Foi o propio mozo quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia ao fío das 16:30 horas.

facebook twitter instagram