Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un incendio nun camión obrigou a interromper o tráfico na A-52 en Verín

Un incendio orixinado nun camión que transportaba xeso condicionou este mediodía a circulación en Verín na A-52, no punto quilométrico 158, en sentido a Vigo. De feito, o tráfico de vehículos nesta dirección quedou interrompida mentres os servizos de emerxencia levaban a cabo as tarefas de extinción do lume, que afectou á cabeza tractora e ao remolque do vehículo, sen que se rexistrasen danos persoais.

Deste xeito, o tránsito de vehículos permaneceu cortado neste tramo da autovía, desde aproximadamente a unha da tarde ata as tres e media, momento en que se habilitaron os desprazamentos no carril esquerdo en sentido a Vigo. Mentres, no carril dereito permaneceron inhabilitados.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos ao mediodía a través de varias persoas particulares, que contactaron co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia para alertar dunha columna de fume que era visible desde distintos lugares próximos á zona onde se produciu o incendio.

A partir de aí, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Verín, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, do servizo de mantemento da autovía e do persoal de incendios forestais, que achegou unha motobomba procedente da base de Vilamaior, en Verín.

Un operario resulta ferido ao caerlle un muro encima dunha perna na Coruña

Un operario precisou asistencia esta tarde ao caerlle encima dunha perna un muro na Rúa do Pondal, na Coruña.

Así, para prestar axuda ao traballador, nada máis recibir o 112 Galicia a alerta do suceso a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso á Policía Nacional e Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Coruña.

Cómpre salientar que o 112 Galicia tivo coñecemento do accidente laboral ás catro menos cuarto da tarde.

Un operario caeu dunha altura en Dumbría
Por outra banda, en Dumbría, outro operario resultou ferido ao caer dunha altura duns tres metros desde o alto dunha construción.

Os feitos sucederon preto das seis menos cuarto desta tarde nunha casa no lugar de Buxán.

Ata a vivenda onde tivo lugar o accidente laboral acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil, nada máis recibir o aviso desde o 112 Galicia.

facebook twitter instagram