Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un ciclista foi trasladado con diversos traumatismos tras sufrir un accidente contra un coche no Porriño

Un accidente producido entre un coche e unha bicicleta saldouse co traslado do ciclista ao hospital, no concello pontevedrés do Porriño.

Os servizos sanitarios informaron do choque ao 112 Galicia, pasadas as dúas da tarde. Indicaron que o feito se produciu na estrada que vai ao Polígono da Granxa, a altura da gasolineira do Cerquido, e que o condutor da bicicleta estaba ferido.

Nese momento, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertaron aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, aos Bombeiros do Porriño e aos membros de Protección Civil.

Finalmente, foron os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade os que lle confirmaron ao 112 que o ciclista tivo que ser trasladado polo 061, ata o Hospital Álvaro Cunqueiro, por diversos traumatismos.


Accidente entre un coche e unha moto en Vigo
Por outra banda, tamén resultaron feridos os ocupantes dunha moto que colidiron contra un vehículo na estrada de Camposancos, en Vigo.

Tamén pasadas as 14:00 horas, o 112 Galicia recibiu varias chamadas de particulares, para notificar o accidente, nas que dicían que na motocicleta circulaban dúas persoas que precisaban asistencia médica.

Desde o CIAE-112 informouse aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos Bombeiros e membros de Protección Civil de Vigo.

Finalmente, unha patrulla da Garda Civil de Tráfico confirmou que o choque tivo lugar na estrada PO-552, no punto quilométrico 2, para onde o 112 Galicia solicitou a saída do persoal de mantemento da vía co fin de restablecer a seguridade da mesma.