Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un incendio provoca importantes danos nunha casa en Riós

Un incendio deixou importantes danos nunha casa estruturada por un baixo e un andar superior, no termo municipal ourensán de Riós, sen que se rexistrasen danos persoais.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Verín, o lume calcinou por completo a primeira planta e o tellado da vivenda.

Os feitos sucederon no lugar de San Cristóbal de Medeiros, preto das dúas e cuarto desta tarde.

Foi unha persoa particular quen alertou das lapas ao 112 Galicia e, acto seguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros de Verín, ao GES da Gudiña, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Riós, aos axentes da Garda Civil e, como medida preventiva, aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia, aínda que, afortunadamente, ningunha persoa precisou asistencia médica.

Os servizos de emerxencia traballaron arreo para conter as lapas e, unha vez sufocado o incendio, levaron a cabo as tarefas de arrefriamento nas zonas afectadas e de eliminación dos entullos.

Rexistrado de novo un tremor de terra con epicentro en Laza de magnitude 3,4

O instituto Xeográfico Nacional vén de rexistrar un novo movemento sísmico de magnitude 3,4 con epicentro no termo municipal ourensán de Laza.

O 112 Galicia recibiu a chamada dun veciño desta localidade, concretamente do lugar de Correchouso, ao fío das seis menos cuarto desta tarde, na que alertaba do tremor. Aseguraba, tamén, que este novo movemento sísmico fora percibido no lugar de Naveaus.

Uns intres despois, o Instituto Xeográfico Nacional confirmou ao persoal do CIAE 112 Galicia o novo tremor con epicentro en Laza.

Os feitos sucederon sen que se rexistrase ningunha situación de emerxencia.

Cómpre salientar que, a pasada medianoite, o Instituto Xeográfico Nacional deu conta ao 112 Galicia doutro tremor de terra rexistrado en Laza coa mesma intensidade. Igualmente, o sismo produciuse sen causar danos.

 

facebook twitter instagram