Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un motorista perde a vida ao bater contra unha furgoneta Vilar de Barrio

O condutor dunha moto faleceu esta tarde despois de que o vehículo no que circulaba batese contra unha furgoneta na estrada que une Os Milagros e Vilar de Barrio, á altura do lugar das Maus.

Os feitos sucederon preto das sete da tarde. Foi, nese momento, cando unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar do accidente.

Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Xinzo, do GES de Laza, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil.

Xa no lugar do accidente e, a pesar de mobilizar un helicóptero medicalizado, os servizos sanitarios tan só puideron confirmar o falecemento do condutor da moto.

Unha nena foi atropelada en Ourense
Unha nena resultou ferida ao ser atropelada na Estrada de Seixalbo, en Ourense.

Os feitos sucederon ás dúas e cuarto desta tarde. Nese momento, o 112 Galicia recibiu a alerta do accidente a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, axiña, desde o 112 Galicia pasouse o aviso á Policía Local, aos Bombeiros de Ourense e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade.

Atopan o corpo sen vida dunha persoa aboiando no río en Caldas de Reis

O corpo sen vida dunha persoa foi atopado esta tarde flotando no Río Umia, ao seu paso por Caldas de Reis, nas proximidades da Rúa de Sega de Abaixo.

Foron os axentes da Policía Local os que deron conta dos feitos ao 112 Galicia, uns minutos antes das seis e media.

Axiña, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros do Salnés, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Caldas de Reis, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Garda Civil.

Os servizos de emerxencia localizan falecido ao home que desapareceu o pasado venres en Palas de Rei

Os servizos de emerxencia que atopábanse na procura dun home que desaparecera o pasado venres en Palas de Rei deron co corpo sen vida da persoa nas proximidades do lugar do Cebral, na parroquia de Aguas Santas.

Así o comunicaban ao 112 Galicia os efectivos do GES de Monterroso, ao fío das seis e cuarto desta tarde.

O 112 Galicia recibiu a alerta da desaparición do home durante a mañá do sábado e, a partir de aí, activouse un operativo, coordinado pola Garda Civil, no que tamén interviñeron os GES  de Monterroso e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Palas de Rei.

Un home foi trasladado en helicóptero despois de cortarse cunha motoserra en Lobeira

Un home foi evacuado a un centro hospitalario nun helicóptero medicalizado esta tarde despois de cortarse no pescozo coa motoserra que manexaba na Travesía Higuero Cardoso, en Lobeira.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos ás cinco, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou a aeronave médica ata o lugar do suceso.

Acto seguido, nada máis recibir a alerta, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia requiriuse a intervención dos efectivos do GES de Lobios e dos axentes da Garda Civil, que prestaron apoio ao equipo médico desprazado no helicóptero.

Accidente de tractor
Por outra banda, en Santa Comba, un home resultou ferido ao quedar atrapado por unha perna baixo o tractor que manexaba no lugar de Castriz.

O 112 Galicia recibiu a alerta do accidente a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, uns minutos antes das seis e media. Segundo indicaban os profesionais sanitarios na súa comunicación, mobilizaban un helicóptero medicalizado para atender ao home ferido.

Deseguido, desde o CIAE 112 Galicia deuse conta da situación da persoa aos Bombeiros de Xallas, á Policía Local, a Protección Civil da localidade e á Garda Civil.

Unha veterinaria resulta ferida de consideración ao recibir a cornada dunha vaca en Mondoñedo

Unha veterinaria precisou asistencia esta tarde ao resultar ferida de consideración tras recibir unha cornada dunha vaca mentres estaba a realizar o saneamento do animal.

Os feitos sucederon en Mondoñedo, concretamente no lugar de Seivane, uns minutos antes da unha.

Foi, nese momento, cando o 112 Galicia recibiu a alerta do suceso a través dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaron un helicóptero medicalizado, aínda que, finalmente, a muller ferida foi trasladada nunha ambulancia.

Nada máis recibir a alerta dos feitos, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse, ademais, a intervención dos axentes da Garda Civil, da Policía Local e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Un operario cae dun andamio na Estrada
Por outra banda, un operario sufriu feridas de consideración ao caer dun andamio de tres metros de altura no lugar de Castrelo de Arriba, na Estrada.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente laboral uns minutos despois das catro da tarde, a través do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron un helicóptero medicalizado ata o lugar dos feitos.

Neste operativo interviñeron tamén, tras ser alertados polos xestores do 112 Galicia, os axentes da Garda Civil  e da Policía Local.

Un home foi trasladado por inhalación de fume e queimaduras tras un incendio nunha casa en Verín

Un home precisou ser trasladado a un centro hospitalario esta tarde ao presentar síntomas de intoxicación por inhalación de fume e sufrir queimaduras despois de declararse un incendio nunha casa, na que ardeu a cociña e un salón por completo, en Verín.

O incendio rexistrouse nunha vivenda situada no punto quilométrico 6 da N-532, na parroquia de Mourazos, ao fío das dúas e media. A esa hora, o 112 Galicia recibiu a alerta do lume a través dunha persoa particular que, segundo indicaba na súa chamada, podería haber xente no interior do casa.

Decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Verín, da Garda Civil, da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín.

facebook twitter instagram