Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un incendio arrasou dúas naves lindeiras que servían de almacenaxe en Narón

Un incendio calcinou dúas naves que eran empregadas como almacéns esta tarde en Narón. Segundo a información recollida no 112 Galicia, o lume declarouse nunha das naves e propagouse á outra, o que provocou que as dúas construcións ardesen por completo, xunto con todo o material que albergaban, sen que se rexistrasen danos persoais. Concretamente, as lapas queimaron varias motocicletas, motores, compresores e contedores de obra.

Os feitos sucederon no lugar de Nelle, na parroquia de Castro, uns minutos despois da unha. A esa hora, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar do incendio.

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros de Narón, da Policía Local e Nacional e do Servizo Provincial de Incendios Forestais, que mobilizou ata o lugar do incendio unha motobomba para abastecer de auga aos servizos de emerxencias desprazados, co fin de conter o lume.

Ademais, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 como medida de precaución.

O incendio, do que se descoñecen as causas, quedou extinguido ao fío das seis e está previsto que os servizos de emerxencia revisen as zonas afectadas nas próximas horas.

Dúas persoas foron trasladadas despois de producirse unha colisión entre tres coches en Vigo

Dúas persoas precisaron ser trasladadas a un centro hospitalario esta tarde despois de ter lugar unha colisión na que se viron implicados tres turismos en Vigo.

O accidente produciuse na VG-20, á altura do punto quilométrico 8, en sentido a Vigo.

O 112 Galicia tivo coñecemento do sinistro uns minutos despois das cinco, a través dunha persoa particular.

Axiña, nada máis recibir a alerta do accidente, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vigo e da Policía Local.