Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un home faleceu ao sufrir unha posible indisposición mentres conducía un coche e bater cunha columna en Santiago de Compostela

Un home perdeu a vida esta tarde en Santiago de Compostela ao sufrir unha posible indisposición mentres circulaba nun turismo que rematou batendo contra unha columna na Rúa do Monte dos Postes.

Os feitos ocorreron uns minutos despois das cinco e media. Foi, nese momento, cando os axentes da Garda Civil de Tráfico alertaron do sinistro ao 112 Galicia.

Decontado, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local, dos Bombeiros de Santiago e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade.

Xa no lugar do accidente, os servizos sanitarios, a pesar dos esforzos, nada puideron facer por salvarlle a vida ao condutor e único ocupante do coche accidentado.

Sete persoas resultan afectadas por inhalación de fume tras un incendio no primeiro andar dun edificio na Coruña

Sete persoas resultaron afectadas por inhalación de fume, das cales tres tiveron que ser trasladadas a un centro hospitalario, despois de declararse un incendio nun electrodoméstico no primeiro andar dun edificio de oito plantas na Coruña.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, o aparello ardeu na terraza da primeira planta e o fume propagouse ata o oitavo andar.

Os feitos sucederon na Avenida da Concordia, uns minutos antes do mediodía. Foi, nese momento, cando varios veciños do edificio contactaron co 112 Galicia para dar conta da presenza de lapas e fume nunha terraza.

Axiña, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros da Coruña e á Policía Local e Nacional.

Un home resulta ferido ao quedar atrapado debaixo do tractor que manexaba en Lalín

Un home precisou asistencia esta tarde ao quedar atrapado baixo o tractor que manexaba nunha leira situada no lugar de Palmaz, en Lalín.

O 112 Galicia recibiu a alerta do accidente a través dunha persoa particular ao fío das catro e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros do Deza, que liberaron ao home atrapado e, posteriormente, trasladárono a un centro médico nunha ambulancia.

Cómpre salientar que neste operativo interviñeron, tras ser alertados polo 112 Galicia, os axentes da Policía Local e da Garda Civil.

Os servizos de emerxencia liberan a un menor que se cravou nun pé unha punta dunha táboa en Carballo

Os Bombeiros de Carballo interviñeron esta tarde para liberar a un menor que se cravou nun pé unha punta que estaba cravada nunha táboa.

Sucedeu no lugar de Vilar de Cidre, en Carballo, uns minutos antes das catro.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia requiriron a intervención dos Bombeiros de Carballo, da Policía Local, do Servizo Municipal de Protección Civil e da Garda Civil.

Segundo os datos aportados polos membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Carballo, unha vez liberado, o menor foi trasladado polos efectivos sanitarios a un centro hospitalario.