Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Activo un incendio nunha explotación avícola en Xunqueira de Espadanedo

Un incendio declarado esta tarde nunha explotación avícola permanece activo arestora en Xunqueira de Espadanedo. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de emerxencia desprazados, o lume está controlado e os efectivos de extinción centran os seus esforzos en arrefriar as zonas afectadas da explotación, para conter a propagación das lapas.

Os feitos teñen lugar nunha nave situada entre a parroquias de NiñodaAguia e o lugar de Pardeconde.

O 112 Galicia recibiu a alerta do incendio a través dunha persoa particular, ás cinco e cuarto.

A partir de aí, activouse un operativo no que están a intervir os Bombeiros do Polígono de San Cibrao das Viñas, o GES do Pereiro de Aguiar, as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Maceda e de Xunqueira de Espadanedo, os axentes da Garda Civil e persoal de incendios forestais, que achegaron unha motobomba.

Ademais, neste operativo colaboran os membros do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencia, que acudiron cun camión cisterna para abastecer de auga aos equipos de emerxencia mobilizados.

Dúas mozas en apuros no mar foron rescatadas en Muros

Dúas mozas precisaron ser rescatadas esta tarde en Muros ao ser arrastradas pola corrente do mar no lugar do Ancoradoiro. Ademais, segundo a información recollida no 112 Galicia, un mozo que atopábase con elas puido saír polos seus propios medios da auga.

O 112 Galicia tivo coñecemento da situación destas persoas en apuros a través da chamada de varias persoas particulares, que contactaron co 112 Galicia ao fío das seis e media para alertar dos feitos.

Decontado, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Salvamento Marítimo, do GES de Muros, da Policía Local e da Garda Civil. Ademais, os xestores do 112 Galicia informaron ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polo GES de Muros, estes efectivos recolleron nunha lancha ás dúas mozas , que atopábanse a uns vinte e cinco metros de terra e as trasladaron ata unha embarcación de Salvamento Marítimo, na que foron evacuadas ao porto de Muros  en perfecto estado de saúde.

Unha colisión entre dous coches sáldase con tres persoas feridas en San Cibrao das Viñas

Tres persoas resultaron feridas nun choque entre dous turismos ocorrida esta tarde en San Cibrao das Viñas.

O accidente produciuse na N-525, á altura da Rúa A Granxa, uns minutos despois das catro e media.

Nese momento, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta do sinistro e, acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros do Polígono de San Cibrao das Viñas, ao GES do Pereiro de Aguiar e ao servizo de mantemento da estrada.