Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha persoa tivo que ser trasladada tras caerlle unha árbore enriba en Coristanco

Un home resultou ferido esta tarde logo de que lle caese enriba unha árbore, nunha finca da súa propiedade, na parroquia de Cereo, en Coristanco.

Un particular informaba ao 112 Galicia, pasadas as cinco e media da tarde, de que un home estaba ferido porque lle caera unha árbore enriba, mentres traballaba nunha finca, en concreto, no lugar do Cotón. Nesa mesma comunicación, o alertante sinalaba tamén que a persoa non estaba atrapada.

De xeito inmediato, o CIAE-112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, que mobilizou ao helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o punto do accidente. Ademais, os xestores do 112 Galicia tamén informaron á Policía Local, á Garda Civil, e a Protección Civil de Coristanco.

Finalmente, os servizos de emerxencia desprazados ao lugar confirmaron que o home estaba consciente e que fora trasladado polos servizos sanitarios en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Os socorristas rescatan a unha persoa que practicaba wíndsurf en Nigrán

Foi o propio deportista quen, minutos despois das seis da tarde, se poñía en contacto co 112 Galicia para solicitar axuda para saír da auga. A persoa sinalaba que estaba no mar, en Nigrán, entre a praia de Patos e Monteferro, e que non tiña forzas para volver á beira.

Con esta información, os xestores do CIAE-112 Galicia deron aviso a Salvamento Marítimo e aos socorristas da praia, que xa tiña coñecemento da incidencia e ían camiño do alertante cunha embarcación.

Ademais, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, tamén se informou ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Policía Local e a Protección Civil de Nigrán.

Afortunadamente, os socorristas confirmaron que o particular fora trasladado ata o areal pola embarcación de socorrismo e que non precisou asistencia sanitaria.

 

facebook twitter instagram