Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un motorista perdeu a vida tras sufrir unha caída co seu vehículo en Portomarín

Un motorista faleceu esta tarde despois de caer co seu vehículo cando circulaba pola estrada que une Portomarín e Lugo, pouco despois da rotonda do Polígono de Portomarín, dirección Lugo.

Foi unha persoa particular quen deu a voz de alarma a través da súa chamada ao 112 Galicia ao fío das 15:15 horas de hoxe. No seu relato, indicaba que o único vehículo implicado no accidente fora a moto e que o seu condutor estaba inconsciente. Deseguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia informaron aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero desafortunadamente, nada puideron facer por salvar a vida do motorista.

Ademais, para prestar apoio ao equipo médico e restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Chantada, dos membros do GES de Monterroso, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, dos efectivos de Protección Civil de Portomarín e do servizo de mantemento da estrada.

Accidente en Vilagarcía
Pouco antes, unha colisión entre diversos vehículos no concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa mobilizou aos equipos de emerxencia ata as proximidades do peirao do municipio. Segundo a información facilitada polos axentes da Policía Local ao 112 Galicia, dúas persoas resultaron feridas a consecuencia dun choque entre dous turismos e unha moto, dos cales, un dos coches continuou a marcha tras producirse a colisión.

O sinistro tivo lugar ás 14:30 horas e desde o 112 tamén avisouse ao equipo de urxencias sanitarias, aos Bombeiros de Vilagarcía e aos membros do Servizo de Emerxencias de Vilagarcía.

Os equipos de emerxencia rescatan a un practicante de wíndsurf en apuros no Grove

Un practicante de wíndsurf tivo que ser rescatado nas proximidades do Porto Meloxo, no Grove, en Pontevedra, despois de que se iniciase un operativo de busca ao ser atopabada unha táboa á deriva preto das bateas da localidade.

Foi un equipo da Garda Civil quen localizou ao varón en apuros e trasladouno ata o peirao, onde o agardaba unha ambulancia de urxencias sanitarias.

Moi preto das cinco horas da tarde de hoxe, o 112 Galicia recibiu a chamada de alerta que permitiu accionar aos medios de rescate. Segundo a información facilitada aos xestores do 112 pola persoa particular que contactou coa central galega de emerxencias, unha táboa abandonada fixo sospeitar ao alertante de que o seu propietario podería atoparse en perigo.

De inmediato, desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos equipos de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Así, os equipos de emerxencia trataron de recadar toda a información posible pola zona co fin de coñecer o paradoiro do propietario da prancha deportiva.

Así, unha minuciosa busca na contorna permitiu aos equipos de intervención encontrar ao home suxeito nunhas bateas e evacualo en seguridade ata o porto.

Ademais, desde o 112 tamén pasouse aviso aos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil do Grove.

Un incendio no baixo dunha casa en Ribadumia deixa danos materiais no seu interior

As lapas consumiron roupa e dous aparellos usados para deshumidificar o aire sen causar danos persoais.

Os feitos tiveron lugar preto das 13:30 horas na Rúa As Lagoas, na parroquia de Barrantes, no concello pontevedrés de Ribadumia. Foron os Bombeiros do Salnés os que chamaron ao 112 Galicia para informar da súa saída para atallar as lapas que consumían un baixo dedicado á almacenaxe de roupa.

Co fin de prestar apoio ao equipo de extinción e aclarar as circunstancias do suceso, os xestores do 112 pasaron aviso aos axentes da Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil da localidade.