Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un traballador resultou ferido logo de ceder o gato co que cambiaba a roda dun camión no Porriño

Un camioneiro foi trasladado, esta tarde, despois de sufrir un accidente mentres cambiaba unha roda no Polígono da Granxa, no Porriño.

Unha persoa particular púxose en contacto co 112 Galicia, arredor das dúas da tarde, para solicitar unha ambulancia para un camioneiro que, ao parecer, estaba cambiando unha roda, pero o aparello que emprega para levantala cedeu e a man quedaralle debaixo. Con todo, nesta mesma chamada indicaba que, nese momento, xa non a tiña atrapada.

O 112 Galicia mobilizou ata o punto, de xeito inmediato, aos servizos sanitarios, á Garda Civil, á Policía Local e a Protección Civil da localidade.

Segundo confirmaron os medios que acudiron ao lugar do suceso, ao accidentado caeulle o camión enriba da man tras ceder o gato que utilizaba para realizar un cambio de roda.

Ademais, Protección Civil do Porriño informou ao 112 Galicia de que o camioneiro fora atendido e trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo polo persoal sanitario.

Un condutor tivo que ser liberado tras sufrir unha colisión por alcance no Porriño

Os bombeiros do Baixo Miño tiveron que liberar ao condutor dun vehículo logo de que sufrira unha colisión por alcance no Polígono da Granxa, no Porriño.

Foi un particular quen, contra a unha do mediodía, informaba deste sinistro ao 112 Galicia e na chamada indicaba que había unha persoa ferida.

Nese momento, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112 Galicia) deuse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, á Policía Local do Porriño, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros do Baixo Miño e a Protección Civil do municipio.

Finalmente, os bombeiros confirmaron que tiveran que cortar o asento no que se situaba o condutor para poder sacalo do coche. Ademais, os equipos de emerxencia desprazados ata o punto comunicáronlle ao 112 Galicia que o ferido fora trasladado ao Hospital de Fátima polos servizos sanitarios.

Atropelo en Sarria
Por outra banda, o 112 Galicia tamén tivo coñecemento, pasadas as dúas da tarde, dun atropelo na rúa Calvo Sotelo, en Sarria.

Tras recibir a chamada dun particular que informaba do sucedido, os xestores do 112 Galicia deron aviso aos servizos sanitarios, á Policía Local e aos Bombeiros de Sarria.

Ao remate das súas tarefas, os medios que acudiron ao punto afirmaron que a persoa que resultara ferida por mor do atropelo fora trasladada ao centro hospitalario de referencia.