Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Dous traballadores resultan feridos tras rexistrarse senllos accidentes en Valga e Cartelle

Dous operarios resultaron feridos de diversa consideración na tarde de hoxe despois de sufrir distintas caídas nos seus postos de traballo.

O primeiro deles tivo lugar ás 15:30 horas no concello pontevedrés de Valga. Foi unha persoa particular quen chamou ao 112 Galicia para solicitar asistencia médica para un albanel ferido tras caer dunha altura duns cinco metros. O accidente ocorreu cando o home traballaba no tellado dunha vivenda no lugar de Magariños, na parroquia de Setecoros.

Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que informaron da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para atender o ferido, pero, finalmente, o operario foi trasladado en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.

Co fin de prestar apoio ao equipo médico, desde o 112 pasouse aviso tamén aos axentes da Garda Civil, da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Minutos despois, ás 15:45 horas, o 112 Galicia recibiu outra alerta por mor dun traballador precipitado. Esta vez, o accidente laboral tivo lugar no lugar de Madarnas, en Cartelle (Ourense). Segundo a información facilitada aos xestores de emerxencia polos profesionais sanitarios, o operario caeu dunha altura duns catro metros mentres arranxaba un tellado.

Con esta información, desde o 112 informouse aos axentes da Garda Civil e aos membros de Protección Civil de Cartelle e da Mancomunidade Terras de Celanova.

Finalmente, o traballador foi evacuado en ambulancia.

facebook twitter instagram