Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un incendio provoca danos materiais nunha igrexa en Trazo

Un incendio, orixinado nun moble onde se depositan as candeas, provocou diversos danos materiais nunha igrexa na parroquia de Vilouchada, no concello coruñés de Trazo. Afortunadamente, o lume puido ser contido por particulares e non houbo que lamentar danos persoais.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás catro horas desta tarde a través das chamadas de alerta de diversos veciños da zona. No seu relato, as testemuñas do suceso solicitaban medios de extinción que puidesen conter as lapas que estaban consumindo parte do interior do edificio. Durante a comunicación, un dos alertantes indicou que non había persoas afectadas.

De inmediato, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros de Ordes e de Santiago de Compostela, aos axentes da Garda Civil e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Val do Dubra. Ademais, por precaución, informouse tamén ao equipo de urxencias médicas.

Unha vez no lugar, e debido á intensa fumareda provocada polo incendio, os efectivos de Protección Civil procederon a ventilar o local e a comprobar a extinción do lume, que xa fora apagado por particulares.

Segundo puido saber o 112 Galicia, ardeu o armario das candeas, unha balaustrada empregada para resgardar unha imaxe e parte do confesionario.

Arde cociña en Gondomar
Por outra banda, os equipos de extinción tiveron que acudir á estación de autobuses do concello pontevedrés de Gondomar para controlar un conato de incendio na súa cafetería. Igualmente, nesta ocasión, ninguén resultou ferido.

Ao fío das 17:45 horas, o 112 Galicia foi informado do suceso grazas a alerta de particulares que se atopaban na contorna. As súas chamadas permitiron activar un operativo que contou coa colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos membros do GES de Val Miñor, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

De acordo cos efectivos do GES, ardeu unha frixideira e resultou afectada a campá extractora e o teito do establecemento.

Ademais dos medios de emerxencia mencionados, desde o 112 tamén pasouse aviso aos Bombeiros de Vigo e do Porriño, ademais dos voluntarios de Protección Civil de Val Miñor, por se fose necesaria a súa colaboración.