Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha colisión múltiple en Culleredo saldouse con dúas persoas trasladadas

Dúas persoas resultaron feridas esta tarde nunha colisión na que se viron implicados catro coches en Culleredo.

O accidente produciuse na AC-213, no punto quilométrico 1, á altura da parroquia de Almeiras.

Foron os axentes da Policía Local os que deron o aviso ao 112 Galicia ao fío da unha e media e, axiña, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, do Servizo Municipal de Protección Civil e do servizo de mantemento da estrada.

Segundo confirmaron ao 112 Galicia os axentes da Policía Local, as dúas persoas que resultaron feridas neste accidente foron trasladadas á Clínica Santa Teresa.

Choque por alcance
Por outra banda, dúas persoas necesitaron asistencia despois de colidir outros tantos coches en Coles.

O sinistro ocorreu no punto quilométrico 248 da N-525, ás catro menos cuarto.

Foi a esa hora cando unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta do accidente e, a partir de aí, o persoal do CIAE 112 Galicia pasou o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Carballiño, á Garda Civil de Tráfico, ao GES do Pereiro de Aguiar e a Protección Civil de Coles.