Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Atopada falecida a muller desaparecida en Foz

Aparece sen vida o corpo da muller desaparecida no lugar de Morgallón, no concello lucense de Foz.

Foi unha persoa particular quen localizou o cadáver, nunha zona de monte, no lugar da Lousada, nas proximidades da parroquia de San Xiao de Nois.

O alertante chamou ao 112 Galicia ao fío das 12:15 horas deste mediodía para informar da situación e solicitar a intervención dos equipos de emerxencia que se desprazaron de contado ata o lugar.

Así, nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do 112 pasaron aviso ao equipo de urxencias médicas, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Deste xeito, preto das seis horas desta tarde, as forzas da orde confirmaron ao 112 Galicia que a identidade da vítima se correspondía á da muller que se buscaba en Foz.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento deste suceso, o pasado tres de outubro, cando un familiar alertou da súa desaparición. Así, tras recibir a solicitude dos axentes da Garda Civil, que desde o primeiro momento coordinaron a busca, a Axencia Galega de Emerxencias puxo en marcha un dispositivo formado por un  equipo especializado no manexo dos drons, que actuou na zona onde a desaparecida foi vista por última vez.

Ademais, compre sinalar que no operativo tamén participaron os Bombeiros de Barreiros, os membros do GES de Cervo, a Asociación de Cans de Salvamento de Galicia (Ferrol) e os efectivos de Protección Civil de Foz.

Trasladada en helicóptero medicalizado unha muller que foi alcanzada por un camión na Cañiza

Unha muller necesitou ser evacuada en helicóptero, ao mediodía de hoxe, logo de ser atropelada por un camión no concello pontevedrés da Cañiza.

Foron os profesionais de urxencias sanitarias os que chamaron, sobre as 13:30 horas, ao 112 Galicia para informar da mobilización da aeronave medicalizada con base en Ourense ata a saída da A-52 para atender á ferida. Segundo a información facilitada aos xestores do 112 por unha testemuña do sinistro, o conductor do vehículo continuou a marcha tras o impacto.

Deste xeito, para prestar apoio ao equipo médico e restablecer as condicións de seguridade na vía, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia pasaron aviso aos membros do GES-SPEIS Ponteareas, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento da vía.