Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha muller resulta ferida con queimaduras ao producirse unha laparada procedente dunha estufa de leña nunha vivenda en Lugo

Unha muller necesitou asistencia esta tarde ao sufrir queimaduras despois de que se producise unha laparada nunha estufa de leña na súa vivenda na rúa Das Lamas de Prado, en Lugo.

Os feitos sucederon moi preto das cinco da tarde e, segundo a información recollida no 112 Galicia, non se produciu un incendio logo da lumarada.

Foi un familiar da muller ferida quen alertou do ocorrido ao 112 Galicia e, axiña, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local e Nacional, dos Bombeiros de Lugo e de Protección Civil.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, a muller ferida foi trasladada nunha ambulancia ao Hospital Universitario Lucus Augusti.