Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha casa remata destruída tras un incendio no seu interior en Marín

Un incendio deixou unha casa abandonada totalmente destruída esta tarde en Marín, sen que se rexistrasen danos persoais.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, a casa destruída polo incendio tiña a fachada de pedra e o interior de madeira e constaba dun baixo, primeiro andar e faiado. A estrutura interior e o tellado derrubáronse por mor das lapas e foi necesario evacuar os edificios lindeiros, xa que o fume chegaba a entrar polas súas fiestras. Unha vez extinguido o incendio, os veciños puideron regresar ás súas vivendas.

Os feitos sucederon na rúa Concepción Arenal, ao fío das dúas menos cuarto.

Foi a esa hora cando unha persoa particular alertou do incendio ao 112 Galicia. Segundo indicaba na súa comunicación, había risco de que o lume se propagase a outras vivendas lindeiras.

Decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra, que traballaron arreo para conter o incendio, no cal víronse afectadas outras dúas edificacións próximas por mor do fume.

Tamén foron alertados desde o 112 Galicia a Policía Local e a Garda Civil de Tráfico, que cortaron o tráfico de vehículos á altura do punto quilométrico 4,300 da PO-546 para asegurar a zona e facilitar o traballo dos servizos de emerxencia desprazados. Ademais, o persoal do CIAE alertou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 como medida preventiva.

Arredor das catro e media, os Bombeiros do Morrazo comunicaron ao 112 Galicia que o incendio estaba extinguido, aínda que permanecían no lugar para atallar varios focos de lume que estaban activos.

facebook twitter instagram