Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Trasladan a unha muller por inhalación de fume despois de producirse un incendio na súa vivenda en Marín

A muller foi trasladada en ambulancia polos servizos sanitarios de urxencia.

Todo ocorreu pasados dez minutos das dúas deste mediodía. Foi a esa hora, cando a Policía Local solicitou ao 112 Galicia a saída dos Bombeiros para un incendio que se producira nunha vivenda, na rúa Ezequiel Massoni. Indicaban que o lume xa fora apagado pero que había moito fume no inmoble e xente afectada, polo que, tamén solicitaban asistencia sanitaria.

Así, desde o 112 Galicia informaron decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Nada máis chegar ao lugar, os Bombeiros comunicaron que ardera a cociña e que a propietaria da vivenda estaba sendo atendida polo persoal sanitario debido á inhalación do fume que provocou o incendio.

Así, tras contactar co persoal sanitario, os profesionais, confirmaron o traslado da muller ao Hospital de Montecelo.