Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Falece unha persoa en Valga logo de ser alcanzada por un tren

Unha persoa perdeu a vida, na localidade pontevedresa de Valga, ao ser arrolada por un tren.

O suceso tivo lugar á altura da igrexa de Campaña, ao fío das catro e cuarto da tarde. A esa hora, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular que daba aviso do alcance dun convoi a unha persoa que, segundo afirmaba a testemuña, estaba xa falecida.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) notificáronselle os feitos aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil e ao persoal de Adif. Así mesmo, tamén foron informados os Bombeiros de Vilagarcía e os membros do GES de Padrón e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Valga.

Unha vez chegados ao punto, os equipos de intervención tan só puideron confirmar o falecemento da persoa. Pola súa banda, o persoal de Adif comunicoulle ao 112 que o tren implicado realizaba o traxecto de Vigo cara Coruña e que ningún dos pasaxeiros a bordo resultou ferido.

A posible explosión dun aerosol nunha vivenda en Chantada sáldase cunha persoa ferida

Unha persoa resultou ferida tras producirse unha explosión, posiblemente dun aerosol, no interior dunha vivenda da Avenida Portomarín, na localidade de Chantada.

Poucos minutos antes das 14:00 horas, os Bombeiros de Chantada chamaron ao 112 Galicia para dar aviso do acontecido e, de contado, os operadores do CIAE-112 Galicia alertaron aos servizos médicos, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e a Protección Civil.

Ao remate da intervención no lugar, a dotación dos Bombeiros comunicoulle ao 112 que unha persoa, que afirmaba estar limpando no interior da vivenda con aerosois, resultou afectada con queimaduras nun brazo e nunha perna, a consecuencia dunha posible deflagración dos mesmos. Ademais, tamén se orixinaron diversos danos materiais na estrutura da casa, chegando a desprazarse un tabique e a romper as fiestras.

facebook twitter instagram