Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un home resultou ferido nas Neves ao caerlle unha árbore enriba

Un home foi atendido polos servizos sanitarios de urxencia, logo de que unha árbore caera enriba súa, na localidade das Neves.

O 112 Galicia recibiu o aviso por parte dun particular pasados quince minutos das cinco desta tarde. Na chamada, indicaba que o propietario dunha finca que estaba a traballar nunha árbore precisaba de asistencia médica urxente despois de caerlle na cabeza.

Decontado, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e do GES-SPEIS Ponteareas, así como tamén foron informados os axentes da Garda Civil.  

Debido á gravidade da situación, os profesionais sanitarios optaron por mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense, que tomou terra no mesmo lugar dos feitos.

Afectadas tres persoas por inhalación de fume tras un incendio orixinado na cociña da súa vivenda na Coruña

Tres persoas resultaron afectadas, dúas delas evacuadas ao centro hospitalario de referencia da localidade por inhalación de fume, tras incendiarse a cociña dunha vivenda, no concello da Coruña.

O suceso produciuse ao fío das 13:30h desta tarde. Nese intre, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que informaba de que estaba a arder unha cociña na rúa Orillamar, á altura do número 35. Segundo aclaraba a persoa, os habitantes xa abandonaran o interior da casa.

Axiña, os xestores de Emerxencias Galicia informaron aos Bombeiros da Coruña e aos servizos sanitarios de urxencia, posto que se descoñecía se alguén podería precisar asistencia médica. Así mesmo, déronlle aviso os axentes da Policía Local e Protección Civil.

Xa rematadas as tarefas de extinción, os bombeiros confirmaron ao 112 Galicia que aínda que o lume afectou a todos os mobles da parte superior da cociña, non foi preciso desaloxar o edificio. Pola súa banda, o persoal sanitario indicou que dúas persoas foron trasladadas por inhalación de fume.

facebook twitter instagram