Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un operario falece en Mondariz tras caerlle unha pedra enriba

O operario, da construción, realizaba o seu traballo nunha obra no lugar do Escobeiro, no municipio pontevedrés de Mondariz.

Dez minutos despois das catro e media desta tarde, un particular contactaba co 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que a un traballador lle caera unha pedra enriba. Aseguraba que o ferido estaba totalmente accesible.

Así, de inmediato, desde o 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar.

Pese a que, a aeronave, tomou terra no mesmo lugar dos feitos, nada se puido facer por salvarlle a vida.

Os axentes da Garda Civil e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade Oitaven-Tea, tamén se desprazaron ao punto nada máis ser informados do suceso polo 112 Galicia.

Unha persoa resultou ferida en Tomiño despois de chocar o vehículo que conducía contra un farol

O accidente ocorreu no lugar do Solleiro, no termo municipal de Tomiño (Pontevedra)

Ao fío das 15:30 horas desta tarde, os servizos sanitarios de urxencia informaban ao 112 Galicia do accidente. Segundo indicaban, un coche impactara contra un farol e o seu condutor podía estar atrapado no interior do vehículo.

Con estes datos, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros do Porriño e dos membros do GES da Guarda, que decontado se desprazaron ao punto. Ademais, foron informados os Bombeiros de Vigo e os axentes da Policía Local. 

Tras confirmarse que a persoa quedara encaixada entre o asento e o volante do turismo, os Bombeiros, finalmente, indicaron que non fora preciso  o uso dos equipos de excarceración, posto que, os mesmos axentes xunto co persoal sanitario puideran evacuar ao condutor ferido.

Así, os Bombeiros, despois de realizar as tarefas de limpeza na vía comunicaron ao 112 Galicia que o persoal de mantemento municipal encargaríase de arranxar o farol que resultara danado.

Dous accidentes múltiples en Vigo
Un accidente con catro coches implicados tivo lugar esta tarde na A-55, concretamente, na Avenida de Madrid, á entrada da cidade de Vigo e, polo menos, unha persoa resultou ferida e tivo que ser trasladada polo Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. 

Aconteceu sobre as catro e media desta tarde. Foi, a esa hora, cando un particular informaba ao 112 Galicia dun accidente entre catro coches.

Nada mais recibir a chamada do alertante, os xestores do 112 informaron ao servizo de urxencias sanitarias, aos Bombeiros de Vigo, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local.

Así mesmo, pasados dez minutos das cinco e media desta tarde, outros catro vehículos, dúas furgonetas, un taxi e un turismo, víanse implicados noutro accidente tamén en Vigo, na saída da AP-9 cara a Avenida de Bos Aires, en Teis. Afortunadamente, neste caso, ninguén resultou ferido.

Tras recibir a chamada dun particular, que aseguraba que non había persoas feridas, o 112 Galicia informou á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local de Redondela, ao persoal de Autoestradas e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Redondela.