Boletín Informativo das 19:00 horas do día 13/05/2022
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas
Os bombeiros rescatan a unha persoa que envorcou co seu vehículo en Santiago
Unha persoa tivo que ser rescatada logo de saírse da vía e envorcar co vehículo que conducía, na parroquia da Enfesta, no concello de Santiago.
O 112 Galicia recibiu o aviso deste sinistro pouco antes das cinco e media desta tarde a través da chamada de varias persoas particulares. Nestas comunicacións, informábase de que o condutor que envorcara non podía saír do coche e precisaría asistencia sanitaria.
Así, de xeito inmediato, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Santiago, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Nacional e Local e de Protección Civil da localidade.
Cando os medios chegaron ao punto, indicaron ao 112 Galicia que o vehículo quedara envorcado nun noiro. Posteriormente, os bombeiros confirmaron que rescataran o condutor, e único ocupante do vehículo, e que fora trasladado polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.
Un ferido en Ribeira
Tamén esta tarde, ás 17:30 horas, o 112 Galicia tivo constancia doutro accidente en Ribeira e no que unha persoa resultou ferida.
Neste caso tratouse dun turismo que cando circulaba pola Avenida da Constitución, á altura das Abesadas, saíuse da vía e bateu contra o muro dunha vivenda. O seu único ocupante foi trasladado polo equipo sanitario ao Hospital da Barbanza.
Os xestores do 112 nada mais recibiron a chamada de alerta dunha persoa particular, informaron decontado aos profesionais sanitarios, aos Bombeiros de Ribeira, aos membros do GAEM de Ribeira, aos axentes da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.
Tres persoas resultaron feridas en senllos accidentes rexistrados en Vigo
Tres persoas resultaron feridas e tiveron que ser atendidas, esta tarde, logo de sufrir senllos accidentes nos concello de Vigo.
Por un lado, ás catro e media de tarde, varios particulares informaron ao 112 Galicia dunha colisión entre varios vehículos, un deles envorcado, no que varias persoas necesitaban asistencia sanitaria.
O sinistro tivo lugar na AP-9, punto quilométrico 152, sentido Tui e, do mesmo, foron alertados desde o CIAE-112 os servizos sanitarios, os Bombeiros de Vigo, a Garda Civil de Tráfico e Policía Local, e o servizo de mantemento da autoestrada. Estes últimos, confirmáronlle ao 112 Galicia que producianse retencións na circulación provocadas polo accidente.
Trinta minutos máis tarde, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias rexistrou unha colisión por alcance, na AP-9V, mediante o aviso de varias persoas particulares, unha delas identificábase como un dos condutores implicado no suceso. Así, indicábase que dous vehículos acababa de colidir, preto da saída 151, sentido A Coruña.
Inmediatamente, os xestores do 112 Galicia facilitáronlle os datos ao persoal sanitario, aos Bombeiros de Vigo, aos axentes de Tráfico, a Policía Local, e a Protección Civil do municipio.
Dúas persoas resultaron afectadas a causa dun incendio no soto dunha vivenda en Vilaboa
Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron a dúas persoas que resultaron afectadas pola inhalación de fume dun incendio declarado no soto dunha casa, no concello pontevedrés de Vilaboa.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o incendio produciuse ás tres desta tarde, cando un morador da vivenda deu a voz de alarma por un lume que comezou no seu inmoble no lugar As Croas. Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos Bombeiros de Pontevedra e do Morrazo, que se desprazaron ata o lugar de inmediato para tratar de atallar as lapas.
Unha vez controlado o incendio, os equipos de extinción confirmaron ao 112 que ardeu parte dun conxelador e leña acumulada ao seu carón. Como consecuencia, dúas persoas que se atopaban no interior do inmoble resultaron intoxicadas e tiveron que ser evacuadas ao centro hospitalario de referencia.
Así, para atender aos feridos, desde o 112 Galicia, tamén se informou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Igualmente, os servizos de emerxencias contaron co apoio dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil da localidade.