Boletín Informativo das 19:00 horas do día 16/05/2022
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas
Unha nena faleceu ao golpearlle a cabeza o ferro dun parasol en Vigo
Unha nena perdeu a vida esta tarde ao recibir o impacto do ferro dun parasol na cabeza, en Vigo.
Os feitos sucederon nunha leira particular na Baixada do Castelo, na parroquia de Bembrive, ao fío das seis menos cuarto.
A esa hora, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar dunha menor que estaba ferida na cabeza.
De xeito inmediato, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención da Policía Nacional e Local e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que nada puideron facer por salvarlle a vida á nena.
Cómpre sinalar que os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), por se a familia da menor necesitase da súa intervención.
Localizan falecida a moza desaparecida en Carballo
Varios particulares que se atopaban na busca da moza que desaparecera en Carballo localizaban esta tarde o corpo sen vida da muller.
O 112 Galicia recibiu na madrugada do pasado domingo a chamada dunha persoa da súa contorna para alertar da súa falta.
Tras informar aos axentes da Garda Civil e da Policía Local, que xa coñecían o caso, púxose a disposición deste operativo o apoio e axuda dos voluntarios de Protección Civil de Carballo e da Laracha, ademais acudiron os cans de rescate da agrupación de Oroso e o grupo canino especializado na busca de persoas da agrupación Casaga de Ferrol. Este operativo tamén contou coa colaboración do equipo técnico de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).
Desde o CIAE 112 Galicia tamén informouse ao GIPCE, por se fose necesaria a súa intervención.