Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Localizan o corpo dun varón que levaba desaparecido desde onte despois de saír a pescar en Cortegada

Os buzos da Garda Civil localizaron o corpo do home no río, en Vilanova da Barca, na zona do embarcadoiro do río Miño, en Cortegada.

O 112 Galicia tivo constancia da desaparición esta mañá. Ao fío das 8 e media, os axentes da Garda Civil solicitaban ao 112 Galicia a saída da Unidade de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), para colaborar na busca dun varón que faltaba desde este pasado domingo despois de saír a pescar. Segundo a información recibida a través dos axentes, o turismo do desaparecido fora localizado en Vilanova da Barca, preto dun pequeno embarcadoiro. Foi un compañeiro do infortunado quen deu a voz de alarma tras non presentarse ao seu posto de traballo.

Ao operativo, posto en marcha pola Garda Civil, sumáronse os membros do GES de Ribadavia cunha embarcación, e de Protección Civil de Cortegada.

Finalmente, ao redor das 13:45 horas deste mediodía, os membros do GES de Ribadavia confirmaban ao 112 Galicia que os buzos da Garda Civil localizaran ao home afogado no río.

Unha persoa evacuada ao colidir tres vehículos en Pontecesures

Un condutor resultou ferido despois de colidir tres turismos na N-550, no punto quilométrico 85, ao seu paso polo concello pontevedrés de Pontecesures.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente a través dos servizos sanitarios que, ás 16:30 horas, informaban dunha colisión por alcance na estrada xeral, preto dun supermercado da zona.

Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias alertaron do suceso aos membros do GES de Padrón, aos axentes de Tráfico e Policía Local. Ademais, informaron ao Centro de Xestión de Tráfico de Galicia e o servizo de mantemento da vía.

Finalmente, xa desde o lugar do sinistro, o persoal do GES confirmou que o condutor dun dos turismos implicados fora trasladado polos profesionais sanitarios ao centro hospitalario de referencia.