Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Dúas persoas resultan feridas a causa dunha colisión entre tres turismos na Laracha

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas en ambulancia polos equipos sanitarios tras producirse unha colisión na que se viron implicados tres coches, na AC-552, na Laracha.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso a través da chamada de alerta de varias persoas particulares sobre a unha e cuarto desta tarde. Durante a súa comunicación cos xestores de emerxencias indicaban que varios dos ocupantes dos turismos precisarían asistencia sanitaria.

Así, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, finalizada a súa intervención, confirmaron o traslado de dous feridos ata o centro hospitalario de referencia.

Ademais, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias pediu a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Carballo, dos voluntarios de Protección Civil da localidade e do persoal da Axencia Galega de Infraestruturas.