Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Trasladado en helicóptero un sendeirista tras sufrir unha indisposición en Cedeira

O varón desvaneceuse mentres facía unha andaina pola estrada que vai de Cedeira ao Faro de Punta Candelaria.

Un compañeiro de ruta foi quen, á unha e media deste mediodía, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Solicitaba unha ambulancia para o home, que sufrira un desmaio.

A partir de aí, desde o 112 Galicia pasouse aviso ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil, ao GES de Ortigueira e aos efectivos de Protección Civil. De igual xeito, foron informados os Bombeiros de Ferrol, por se tiveran que prestar a súa colaboración xa que, nun primeiro momento, os profesionais sanitarios indicaban que o home se atopaba nun lugar con dificultades de acceso.

Finalmente, os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil indicaron ao 112 Galicia que puideron evacuar á persoa e trasladala ao centro de saúde da localidade que, tras as primeiras valoracións por parte dos profesionais sanitarios, foi evacuada ao centro hospitalario de referencia no helicóptero medicalizado que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 derivou ao punto.

 

facebook twitter instagram