Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Os bombeiros interveñen para liberar á única ocupante dun turismo que caeu por un desnivel en Maside

Unha condutora cae co seu coche por un desnivel cando circulaba pola estrada que une as localidades de Maside e do Carballiño.

Poucos minutos despois das 14:30 horas, os profesionais sanitarios poñíanse en contacto co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia para dar aviso deste accidente e apuntaban que o vehículo poderíase atopar nunha pendente. Deseguido, a mesma persoa afectada comunicouse co 112 Galicia para alertar de que sufrira unha saída de vía e caera por un barranco no punto quilométrico 24 da N-541.

De xeito inmediato, os xestores do CIAE-112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Carballiño, pois eran necesarios medios especializados para sacar á persoa ferida do interior do vehículo e facilitar a atención da muller por parte dos servizos sanitarios de urxencia, que trasladárona ao Centro Hospitalario Universitario de Ourense.

Ademais, o persoal do 112 Galicia pasou o aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos voluntarios de Protección Civil.

Colisión múltiple en Santiago de Compostela
Por outra banda, unha persoa tivo que ser trasladada despois de que batesen tres coches no punto quilométrico 1 da AP-53, en Santiago de Compostela.

Ademais, outras dúas persoas resultaron feridas de carácter leve neste accidente, que tivo lugar en sentido á cidade compostelá da autoestrada. Tras ser atendidas polos servizos sanitarios, descartouse a súa evacuación a un centro médico.

Ao fío das 16:30, varios particulares alertaban ao 112 Galicia do choque múltiple. Segundo indicaban, podía haber unha persoa atrapada nun dos vehículos implicados.

Axiña, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, do servizo de mantemento da vía de circulación e dos Bombeiros de Santiago de Compostela, que, á súa chegada, atoparon aos feridos liberados e accesibles.

Unha muller resultou ferida ao incendiarse a súa cociña en Teo

Un incendio declarado nunha cociña causou lesións á moradora dunha vivenda situada na Rúa do Corgo, no concello coruñés de Teo.

Tras a alerta ao 112 Galicia, ás 14:15 horas, acudiron os membros do Servizo Municipal de Protección Civil e do GES da Estrada para facer fronte ás lapas, que provocaron queimaduras á inquilina da vivenda. Así mesmo, informouse aos Bombeiros de Ordes aínda que, finalmente, non foi precisa a súa intervención.

Así, varios particulares e os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil conseguiron reducir o incendio, que deixou danos na campá extractora e no mobiliario da cociña.

Ademais, unha patrulla da Garda Civil e da Policía Local acudiu ao domicilio co fin de aclarar as circunstancias do suceso.