Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un home queda inconsciente tras sufrir varias picaduras de abellas en Verea

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para alertar do estado do varón, ao fío das 17:30 horas desta tarde.

Os feitos sucederon nunha granxa situada na Estrada de Bangueses e, ata o lugar, tras ser alertados polos xestores do 112 Galicia, os servizos sanitarios mobilizaron un helicóptero medicalizado. Ademais, tamén foron informados os axentes da Garda Civil.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, o home ferido foi trasladado ao Hospital Cristal Piñor de Ourense.

Os servizos de emerxencia excarceran ao condutor dunha furgoneta ao saírse da vía na Estrada

O 112 Galicia recibiu varias chamadas de particulares, uns minutos antes das seis e media, nas que alertaban deste sinistro. Segundo indicaban, o accidente tivera lugar na PO-841, en sentido a Santiago de Compostela e unha persoa tiña dificultades para abandonar o vehículo.

Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, do GES da Estrada, do servizo de mantemento da vía e de Protección Civil.

Segundo confirmaron os efectivos do GES da Estrada ao 112 Galicia, excarceraran ao condutor da furgoneta para que fose atendido polos servizos sanitarios e, posteriormente, o varón foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.