Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha colisión frontal entre un todoterreo e un coche na Merca saldouse cun home falecido e unha muller excarcerada

Un home que circulaba nun coche perdeu a vida ao bater de xeito frontal contra un todoterreo, no que viaxaba unha muller, que tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Celanova.

O accidente produciuse no punto quilométrico 13 da OU-540, á altura do concello da Merca.

Foron varias as persoas particulares que contactaron co 112 Galicia para dar conta do sinistro, ao fío das 13:00 horas.

Acto seguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Celanova, da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado ata o lugar dos feitos.

Malia os esforzos, nada se puido facer por salvarlle a vida ao condutor do coche. Por outra banda, a muller que circulaba no todoterreo foi trasladada nunha ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

 

Un operario foi evacuado en helicóptero ao envorcar a máquina elevadora na que se atopaba en Lalín

Un helicóptero medicalizado evacuou a un operario que resultou ferido ao caer desde unha máquina elevadora, que envorcou na Rúa da Ponte, en Lalín.

Sucedeu ás 18:15 horas desta tarde. Foi, nese momento, cando varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar da situación do operario.

Decontado, desde o CIAE 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladou ao ferido no helicóptero ata o Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.

Ademais, interviñeron neste operativo os axentes da Policía Local e da Garda Civil e o GES de Lalín, tras ser alertados polo 112 Galicia.

Unha muller sofre queimaduras e resulta intoxicada por mor dun incendio na cociña dun piso en Vigo

Un incendio na cociña dun piso situado na Rúa Doutor Corbal provocou que unha muller sufrise queimaduras e resultase intoxicada, ao arder unha vitrocerámica.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, a afectada tivo que ser trasladada ao Hospital Povisa.

Os feitos sucederon uns minutos antes das 17:00 horas. Nese momento, varias persoas particulares alertaron do incendio ao 112 Galicia.

A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vigo e á Policía Local.

facebook twitter instagram