Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Dúas persoas foron trasladadas por mor dun incendio nun edificio en Noia

As dúas persoas afectadas foron trasladadas, unha ao Punto de Atención Continuada da localidade e a outra ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

O incendio declarouse no primeiro dos tres andares do inmoble, nunha habitación que ardeu por completo. Mentres duraron os labores de extinción do lume, os servizos de emerxencia illaron na terceira planta a unha familia, co fin de manter as condicións de seguridade durante as tarefas. Por outra banda, o resto de veciños foron desaloxados do edificio mentres interviñan os efectivos de extinción.

Os feitos sucederon na Rúa Mazacañamo, ao fío das 15:00 horas. Foi, nese momento, cando o 112 Galicia recibiu varias chamadas de particulares que daban conta dunha muller que pedía axuda desde unha fiestra do inmoble. Indicaban tamén na súa comunicación, que vían fume e lume.

Nada máis recibir o aviso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Boiro, da Garda Civil, do GES de Noia e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Ademais, ata o lugar acudiron os Bombeiros de Ribeira.

Segundo informaron ao 112 Galicia os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Boiro, o lume calcinou por completo unha habitación do primeiro piso, que tamén quedou totalmente afectado polo fume. Ademais, sinalaron que o incendio puido orixinarse nunha manta eléctrica.

Incendio nunha lancha na Illa de Arousa
Por outra banda, un incendio provocou diversos danos nunha lancha na Illa de Arousa, sen que ningunha persoa resultase ferida.

Concretamente, o lume calcinou por completo o interior da embarcación e os seus motores.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, varios veciños suxeitaron a lancha á rampla do Porto do Campo e sufocaron as lapas con extintores.

Cómpre indicar que a embarcación mantívose a flote e descartouse que se producise ningún tipo de vertedura.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos uns minutos antes das 13:00 horas desta tarde, a través dos Bombeiros de Vilagarcía. Segundo informaban, acudían á zona portuaria da Illa de Arousa por un incendio que estaba a afectar a unha lancha, a petición da Policía Local da localidade.

Nada máis recibir o aviso, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informou a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

facebook twitter instagram