Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un home trasladado en Dumbría despois de sufrir unha caída ao esvarar nunha zona rochosa

O home quedou inconsciente tras esvarar e caer nas rochas na zona da Pasarela da Cascada do Ézaro, en Dumbría.

Así o relataba o alertante que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, dez minutos antes da unha deste mediodía. Indicaba que o home parecía estar inconsciente. No transcurso da chamada, outros particulares tamén informaban ao 112 da caída dun varón nas rochas da Fervenza.

Con estes datos, os xestores do 112 avisaron decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Cee. Así mesmo, foron informados os axentes da Garda Civil, os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e os socorristas da zona.

Finalmente, unha vez no punto, os Bombeiros explicaron que non fora necesario facer uso dos medios de rescate, iso si, colaboraron co persoal sanitario para trasladar ao paciente ata a ambulancia, que o trasladou ao centro hospitalario de referencia. 

Sendeirista ferido en Ferrol
Un sendeirista resultou ferido tras sufrir unha caída cando percorría a rúa de San Jorge a Doniños, preto de Illa Herbosa, en Ferrol. Segundo indicou o alertante ao 112 Galicia, a caída tivo lugar nunha zona de difícil acceso para o vehículo sanitario.

Así, nada mais recibir a chamada do alertante, sobre as 18:00 horas, o 112 Galicia pasou aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade, que se desprazaron cun vehículo de intervención rápida para poder achegarse ata o ferido e trasladado ata onde o agardaba unha ambulancia.

Picadura de avespa en Xinzo
Por outra banda, en Xinzo de Limia (Ourense), unha muller tivo que ser trasladada polos servizos sanitarios tras recibir a picadura dunha avespa.

Ao fío das 14:00 horas, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaba ao 112 Galicia, a saída do helicóptero medicalizado con base en Ourense cara a zona da piscina municipal, por mor da picadura dunha avespa a unha muller.

Así, os xestores de emerxencias para prestar apoio durante a aterraxe da aeronave, solicitaron a colaboración dos axentes da Policía Local e do persoal da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Corte cunha motoserra en Dumbría
Tamén esta tarde, os servizos sanitarios informaban ao 112 Galicia da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para un domicilio particular, no lugar de Vilar, en Olveiroa, no concello coruñés de Dumbría, por mor dunha persoa que sufrira un corte cunha motoserra na súa casa.

Nada máis recibir a chamada, sobre as 16:30 horas desta tarde, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil, dos Bombeiros de Cee e de Protección Civil da localidade.

Finalmente, tras as primeiras valoracións ao paciente por parte dos profesionais sanitarios, a persoa puido ser trasladada nunha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Os socorristas de Sanxenxo rescatan a un tripulante ferido dunha embarcación tras fondear na praia da Pragueira

O patrón da embarcación trataba de solucionar un problema coa áncora causándolle feridas importantes.

Un dos oito tripulantes a bordo da embarcación foi quen, pasados dez minutos das seis e media desta tarde, chamou ao 112 Galicia. Indicaba que estaban fondeados na praia da Pragueira, en Noalla, no concello de Sanxenxo, debido a que tiveran un problema coa áncora e o patrón resultara ferido.

Decontado, desde o 112 Galicia informouse a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Garda Costas de Galicia, así como ao Servizo de Socorrismo de Sanxenxo, do Grove, ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local e aos efectivos do GES de Sanxenxo e de Protección Civil do Grove.

Finalmente, foi unha embarcación do Servizo de Socorrismo de Sanxenxo quen rescatou á persoa e trasladouna ata o módulo dos socorristas da Praia de Major, para ser valorada polos equipos médicos.