Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

O 112 Galicia rexistra senllos accidentes de tráfico nos que foi necesaria a intervención dos bombeiros

Dúas persoas quedan atrapadas nos seus vehículos tras senllas colisións en Cambados e Melide.

O sinistro máis recente produciuse na localidade pontevedresa, apenas uns minutos despois das cinco desta tarde, cando un turismo e un camión bateron na V.G 4.2. Como consecuencia do impacto, a persoa que conducía o coche quedou atrapada e necesitou a axuda dos Bombeiros de Ribadumia para poder abandonar o vehículo. Así, unha vez liberada, puido ser atendida polos profesionais médicos que se desprazaron ao lugar do accidente. Con respecto ao condutor do camión, os servizos de emerxencias indicaron que resultou ileso.

Sobre este accidente, alertaron varias persoas que chamaron ao 112 Galicia, e isto serviu para activar un operativo no que interviñeron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Ribadumia, Servizo Municipal de Protección Civil de Cambados e os axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico.

Accidente grave en Melide
Varias horas antes, en Melide, ás 13:30 horas de hoxe, ocorreu outro accidente de condicións semellantes, no que tamén tiveron que participar os Bombeiros, neste caso, de Arzúa. 

Efectivamente, unha colisión entre un autobús de transporte escolar sen pasaxe e un turismo bateron na N-547. O golpe provocou que o único ocupante do coche quedase atrapado no interior, polo que era necesaria a axuda dos equipos de excarceración. De feito, neste caso, a persoa que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda indicou que se tratara de algo grave porque a persoa perdera a consciencia. Tanto así que os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviaron ao lugar unha dotación a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago. 

Tras recibir os necesarios coidados, finalmente, o ferido puido ser evacuado en ambulancia ao Hospital Clínico de capital galega. 

Igualmente, cómpre matizar que os bombeiros colaboraron co equipo médico para sacar a persoa do turismo, aínda que sen a utilización dos equipo de liberación. 

Para atender esta emerxencia, o 112 Galicia avisou aos servizos sanitarios de urxencia, Bombeiros de Arzúa, Protección Civil de Melide, Garda Civil de Tráfico e Policía Local.

 

A meteoroloxía adversa deixa en Galicia preto de 200 incidencias no día de hoxe

Con diferencia, a caída de árbores foi a incidencia relacionada coa climatoloxía adversa máis repetida neste día.

Hoxe, o 112 Galicia contabilizou preto de 200 intervencións dos recursos de emerxencias por mor da chuvia e o vento. A provincia máis afectada foi Pontevedra, seguida da Coruña, Lugo e Ourense.

Cómpre indicar que ningún dos incidentes resultou ser grave, tamén porque os equipos de intervención realizaron máis de 30 operativos nos que o obxectivo era a reparación antes do suceso, como a retirada de árbores ou elementos do mobiliario urbanos en posicións comprometidas e perigosas.

Iso si, a maior parte das acciones tiveron que ver coa retirada de árbores caídas, tanto é así que os servizos de emerxencias desprazáronse por esta causa en 126 ocasións.

Tamén producíronse 23 caídas de cables e postes e 14 desprendementos de terra e pedras.