Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Arde parte dunha antiga carpintaría sen producir danos persoais en Rois

Dez minutos antes das 15 horas, un particular informou ao 112 Galicia de que estaba a arder unha carpintaría en desuso situada no lugar do Pumar, en Urdilde (Rois). O alertador explicaba que no interior había almacenada madeira e diversas maquinarias, e que ninguén resultara afectado.

Rapidamente, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Boiro, do GES de Padrón, dos axentes da Garda Civil e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rois. Informouse, ademais, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de modo preventivo. Unha vez no lugar dos feitos, os servizos de extinción comunicaron que tiveron que abrirse paso entre unha gran cantidade de mobles para chegar ata o punto no que se orixinara o incendio. Tamén se gardaban varios produtos inflamables, que por fortuna non resultaron afectados.

Os Bombeiros de Boiro e os membros do GES de Padrón colaboraron para atallar as lapas, dando por controlado o incendio preto das 17 horas.

Así, unha vez extinguido e realizadas as tarefas de arrefriamento e medición pertinentes, indicaron que o lume queimara unha zona reducida das instalacións, de dúas alturas, e afectara ademais a parte da súa estrutura.

facebook twitter instagram