Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Catro persoas resultaron feridas ao ser alcanzadas por un coche cando estaban na terraza dun bar en Vilaboa

Unha das persoas atropeladas foi evacuada en estado grave a un centro médico. Outra necesitou ser reanimada polos servizos sanitarios e dúas máis resultaron feridas de carácter leve.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos servizos de emerxencia, dúas persoas foron trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro e unha ao Hospital Montecelo.

É o saldo deste atropelo múltiple, que se produciu cando o condutor do coche implicado perdeu o control do vehículo ao tratar de aparcalo e bater contra a terraza do local, situado no punto quilométrico 0 da N-554.

O 112 Galicia recibiu a alerta dos feitos a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ás 17:00 horas desta tarde.

Acto seguido, o persoal do 112 Galicia deu conta da situación á Garda Civil de Tráfico, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Soutomaior e ao servizo de mantemento da vía de circulación.

Atropelo a un home en Curtis
Foi o condutor do vehículo implicado no atropelo quen contactou co 112 Galicia, ao fío das 14:30 horas, para dar conta do accidente. Segundo indicaba, os feitos sucederan na Rúa Principal.

De xeito inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Os servizos sanitarios mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Santiago, no que o ferido foi evacuado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Ademais, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do GES de Curtis, da Garda Civil de Tráfico e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Curtis.

Colisión múltiple en Teo
Por outra banda, tres persoas resultaron feridas de carácter leve despois de que catro coches batesen por alcance, no punto quilométrico 11 da AC-841.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos uns minutos antes das 13:30 horas, a través de varias persoas particulares.

Axiña, desde o 112 Galicia requiriuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e do Servizo Municipal de Protección Civil.

facebook twitter instagram