Alertas activas:

Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un home resultou ferido ao pasarlle por enriba das pernas o motocultor co que labraba en Ponteareas

Foi o home accidentado quen contactou co 112 Galicia para dar conta da súa situación, ás 18:00 horas. Segundo relataba, estaba ferido nas pernas e solicitaba unha ambulancia.

Inmediatamente, requiriuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil e da Policía Local, que acudiron ata o lugar dos feitos, no Provizo.

Posteriormente, o varón foi trasladado nunha ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Unha colisión múltiple en Barro saldouse cunha persoa ferida

Unha persoa que circulaba nun dos catro vehículos implicados necesitou asistencia médica.

O accidente produciuse no punto quilométrico 9 da PO-531, ao fío das 15:45 horas.

Foron os axentes da Garda Civil de Tráfico os que deron conta do choque múltiple ao 112 Galicia. Indicaban que xa había unha ambulancia de camiño ao lugar.

A partir de aí, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención do servizo de mantemento da vía e informou do sinistro aos Bombeiros do Salnés.

Dúas persoas resultaron feridas en Santiago de Compostela
Por outra banda, dúas persoas necesitaron asistencia médica despois de que batesen tres coches, no punto quilométrico 1 da DP-0701.

Ás 16:15 horas, o 112 Galicia recibía a alerta dos feitos a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Acto seguido, os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento da estrada.

Colisión entre un autobús urbano e un coche na Coruña
O accidente produciuse na Avenida de Hércules, uns minutos antes das 13:00 horas. Por mor do impacto, unha muller que viaxaba no autobús resultou ferida.

O 112 Galicia tivo coñecemento do sinistro coa chamada de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, de xeito inmediato, desde o 112 Galicia alertouse á Policía Local.

Un neno foi atropelado en Culleredo
O menor tivo que ser trasladado a un centro hospitalario despois de ser alcanzado polo vehículo, na Avenida de Xoán Carlos I.

Sucedeu contra as 17:45 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta do accidente coa comunicación dunha persoa particular.

Nada máis ter coñecemento do atropelo, o persoal do 112 Galicia informou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local, aos Bombeiros de Arteixo e ao Servizo Municipal de Protección Civil.

Saída de vía en Lousame
Ademais, unha persoa tivo que ser liberada polos Bombeiros de Boiro e o GES de Noia, despois de que o seu coche se saíse da vía e rematase nunha leira, no lugar de Cernande. Os servizos de emerxencia quitaron o parabrisas do vehículo para poder sacar á persoa, que resultou ferida.

Uns minutos antes das 18:00 horas, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar do accidente.

A partir dese momento, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Boiro, do GES de Noia e da Garda Civil de Tráfico.

Envorco en Nigrán
Ocorreu poucos minutos antes das 19:30 horas e o único implicado foi atendido polos servizos sanitarios, tras ser liberado polos demais servizos de emerxencias, que retiraron o cristal dianteiro do vehículo.

Un particular alertara ao 112 Galicia de que había unha persoa no interior dun coche envorcado, na rúa da Mestra Emérita, en Priegue.

Os xestores do CIAE-112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Porriño e de Vigo, do GES de Val Miñor, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local de Nigrán e dos voluntarios de Protección Civil de Val Miñor.

Cando chegaron ó lugar do sinistro, os axentes da Policía Local confirmaron que o único implicado permanecía consciente, aínda que era incapaz de saír ao exterior.

Unha muller foi rescatada logo de caer nunha zona de rochas en Sanxenxo

Os feitos sucederon no Paseo de Silgar, uns minutos despois das 13:00 horas desta tarde.

Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta da situación da muller a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. O persoal médico solicitaba medios de rescate, xa que a zona era de difícil acceso.

Decontado, desde o 112 Galicia requiriuse a intervención da Policía Local e do GES de Sanxenxo. Ademais, informouse aos Bombeiros de Ribadumia e aos axentes da Garda Civil.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos servizos de emerxencia, a muller necesitou ser trasladada a un centro médico.

facebook twitter instagram