Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha persoa resulta ferida en Agolada tras sufrir un accidente cun tractor

Un helicóptero medicalizado foi derivado ao punto polos servizos sanitarios, e tomou terra no mesmo lugar dos feitos.

Ao fío das seis desta tarde, os profesionais sanitarios comunicaban ao 112 Galicia que unha persoa sufrira un accidente cun tractor en O Marquesado, en Brocos, no concello pontevedrés de Agolada. Indicaban que, nese momento, dirixíase ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago e unha ambulancia. 

O alertador, despois de contactar cos xestores do 112 indicaba que o accidente tivera lugar nunha propiedade privada, concretamente no recinto da vivenda. Ademais, aseguraba que só precisaban medios sanitarios. 

Aínda así, ademais de poñer a situación en coñecemento dos axentes da Garda Civil e da Policía Local,  desde o 112 Galicia informouse aos Bombeiros do Deza e aos membros do GES de Lalín.   

Finalmente, segundo a información recibida no 112 Galicia, o ferido puido ser evacuado en ambulancia. 

Dous feridos en Mos tras producirse un accidente na Autovía entre dous vehículos

Os Bombeiros de Porriño tiveron que retirar as portas dos dous vehículos implicados para evacuar aos feridos, un en cada coche. 

O 112 Galicia tivo constancia do accidente sobre as tres e media desta tarde. Foi a esa hora cando un particular avisaba aos xestores de emerxencias dun accidente na A-55, quilómetro 120, en Tameiga, dirección Vigo. Tamén a esa hora, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaba ao 112 Galicia que foran alertados por un particular dunha colisión entre dous vehículos na Autovía. Indicaban que había dúas persoas feridas, unha delas inconsciente, e que desprazaban ao punto dúas ambulancias. 

Tras recibir o aviso, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos axentes de Tráfico, dos Bombeiros de Porriño e dos membros do GES de Mos. Así mesmo, foron informados os axentes da Policía Local, os Bombeiros de Vigo e os efectivos do Servizo de Emerxencias de Mos. 

Finalmente, tras rematar a intervención, os Bombeiros comunicaron ao 112 Galicia que foi preciso retirar as portas dos vehículos para evacuar aos feridos, un ocupante en cada un dos turismos. 

facebook twitter instagram