Boletín Informativo das 19:00 horas do día 17/09/2023
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas
Un home falece tras ser sacado da auga inconsciente nunha praia de Barreiros
Uns surfistas, tras decatarse da situación, sacaron da auga ao varón ao que os servizos sanitarios, unha vez na area, trataron de reanimar sen que nada se puidera facer por salvarlle a vida.
Uns minutos antes da unha deste mediodía, varios particulares informaban ao 112 Galicia de que uns surfistas que se atopaban na praia, entre a da Gaivota e a de Coto, sacaran a un home da auga inconsciente.
Desde o 112 Galicia nada mais recibir a chamada dos alertadores, pasou aviso decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Do mesmo xeito informouse a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Garda Costas de Galicia e á Garda Civil. Sen embargo, tras tratar de reanimalo, os sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida.
Ata o lugar tamén acudiron os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, que, tras chegar ao punto comunicaron ao 112 que o home estaba falecido. Segundo indicaron, todo parece indicar que unha indisposición puido ser a causa do falecemento.
Un home resultou ferido en Xermade despois de dar varias voltas de campá tras saírse da vía co seu vehículo
Debido ao impacto, o home rematou na parte traseira do turismo. Segundo a información recibida no 112 Galicia non foi preciso o uso do material de excarceración.
Varios particulares contactaban ás 19:20 horas deste domingo co 112 Galicia para informar do accidente. Indicaban que un coche que circulaba pola AG-64, quilómetro 47, á altura de Candamil, saírase da vía e dera varias voltas de campá. Incluso algún dos alertadores dicía que o coche estaba envorcado.
Así, os xestores do 112 puxeron de inmediato a situación en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilalba, dos axentes de Tráfico e dos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Segundo a información recibida no 112 Galicia por parte dos Bombeiros, o ferido estaba totalmente liberado. Tras chegar ao lugar, colaboraron co persoal sanitario na evacuación do ferido e posteriormente procederon coa limpeza da vía.