Boletín Informativo das 19:00 horas do día 26/09/2023
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas
Un ciclista foi evacuado en helicóptero despois de caer da bicicleta na que circulaba en Triacastela
Un ciclista resultou ferido, ao fío das 15:30 horas, tras sufrir unha caída na LU-633, ao paso polo municipio de Triacastela, en Lugo.
Foi a esa hora, cando o CIAE-112 foi informado por Urxencias Sanitarias de Galicia-061 da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense para a atención médica do ciclista accidentado. Unha vez no punto, o ciclista foi trasladado na aeronave ao centro hospitalario de referencia.
Ademais, para prestar apoio aos servizos sanitarios, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos Bombeiros de Sarria e dos axentes da Garda Civil.
Evacuados dous edificios en Verín a causa dun escape de gas
Os servizos de emerxencias desaloxaron esta tarde dous edificios completos a causa dunha fuga de gas na Rúa Rosalía de Castro, en Verín.
O CIAE-112 Galicia tivo constancia deste suceso ao redor das 15 horas da tarde, tras a chamada dun particular alertando de que percibía un cheiro a gas. De inmediato, os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Verín, á Garda Civil, aos membros de Protección Civil e aos técnicos da empresa subministradora do gas.
Así, tras o desaloxo preventivo das vivendas, os servizos de emerxencias realizaron as comprobacións apropiadas para localizar a fuga. Segundo puido confirmarse, esta orixinouse polo mal estado de dous reguladores de gas, os cales foron pechados e os veciños puideron voltar aos seus domicilios.