Boletín Informativo das 19:00 horas do día 27/09/2023
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas
Un home resultou ferido ao sufrir unha caída en Calvos de Randín
Foi evacuado ao centro hospitalario de referencia no helicóptero medicalizado con base en Ourense, no que se desprazou ao lugar do accidente o persoal sanitario.
Eran as 14:45 horas cando o 112 Galicia recibiu o aviso dos feitos, ocorridos nunha casa do lugar de Fidalgos, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Na súa chamada, comunicaban ademais a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informouse á Garda Civil, aos membros do GES de Muíños, que se desprazaron ao lugar, e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Calvos de Randín.
Un condutor e dous peatóns resultaron feridos tras colidir dous vehículos contra outro que estaba aparcado en Caldas de Reis
Un total de tres persoas tiveron que ser trasladadas polos equipos de emerxencias: o condutor dun dos coches e dous transeúntes que se atopaban no lugar no momento do accidente.
Os feitos ocorreron minutos antes das 15 horas, cando un particular chamou ao 112 Galicia. Acababa de presenciar a colisión, e explicaba con detalle como dous turismos chocaron mentres circulaban pola N-550 ao seu paso pola parroquia de Arcos da Condesa. A continuación, acabaron colidindo contra outro vehículo que estaba aparcado, e que á súa vez alcanzou aos dous viandantes.
No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e os voluntarios de Protección Civil de Cuntis.