Boletín Informativo das 19:00 horas do día 28/09/2023
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas
Un operario resultou ferido tras caerlle enriba un portal nunha empresa do polígono de La Artística, na Coruña
O implicado perdeu a consciencia a consecuencia do accidente e foi evacuado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.
Pasaban as 14:45 horas cando un particular contactou co 112 Galicia. Na súa chamada, solicitaba asistencia sanitaria para un operario ao que lle caera un portal enriba mentres traballaba nunha empresa da rúa Monte Rabadeira, situada no polígono de La Artística.
Aínda que as persoas que estaban no lugar conseguiron liberar rapidamente ao traballador, o alertador indicaba que este permanecía inconsciente.
De inmediato, os xestores do 112 Galicia deron conta dos feitos a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes da Policía Nacional e Local e aos voluntarios de Protección Civil da Coruña.
O persoal sanitario encargouse finalmente do traslado do paciente a bordo dunha ambulancia medicalizada.