Boletín Informativo das 19:00 horas do día 30/09/2023
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas
Un pescador foi rescatado en helicóptero logo de resultar ferido ao caer nunhas rochas en Carnota
O implicado perdeu a consciencia e sufriu unha caída que lle provocou feridas e unha lesión no nocello. Valorouse o seu rescate por terra, pero as escarpadas condicións do terreo levaron á intervención dun helicóptero de rescate de Salvamento Marítimo, que o evacuou ao aeroporto de Alvedro.
O 112 Galicia recibiu aviso deste suceso dez minutos despois das 15:30 horas desta tarde, a través dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Previamente, estes recibiran a chamada duns particulares que indicaban que o home caeu nunhas rochas xunto o mar no lugar da Curra, en San Mamede de Carnota.
A persoa atopábase pescando cando perdeu a consciencia e caeu. Foi el mesmo que espertou coa chegada da marea, retirándose cara atrás pero sendo incapaz de camiñar ao estar lesionado nunha perna.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción, ademais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, dos Bombeiros de Cee, do GES Muros e dos axentes da Garda Civil. Ademais, informouse aos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carnota.
Os servizos de emerxencias chegaron a valorar o rescate por terra, pero as difíciles condicións do terreo levounos a descartar esta opción. Finalmente, sería un helicóptero de rescate de Salvamento Marítimo o que o levou ata o aeroporto de Alvedro, onde estaba a agardar o persoal sanitario a bordo dunha ambulancia.
Unha persoa resultou ferida tras caer desde varios metros de altura en Ourense
Foi un particular quen contactou co 112 Galicia, poucos minutos antes das 17 horas, para informar de que un home caera desde uns catro metros de altura no quilómetro 572 da N-120. Durante a súa comunicación engadía que permanecía consciente, liberado e accesible.
Unha vez no punto, o persoal sanitario, desprazado ata o lugar a bordo dunha ambulancia, encargouse de atender ao ferido.
Neste operativo participaron o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Policía Nacional.
Persoa rescatada da auga inconsciente na praia de Valcobo, en Arteixo
Os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade chamaron ao 112 Galicia, pasadas as 19:30 horas da tarde, para informar de que unhas persoas que practicaban surf nesta praia arteixá sacaron do mar á persoa implicada.
A continuación, esta foi reanimada na area e evacuada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña a bordo dunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.